Premios

Todos os autores de traballos que se publiquen na páxina web do V Congreso CLMNTK recibirán unha certificación de autoría emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e unha certificación de voluntariado emitida pola Consellería de Traballo e Benestar, polas súas achegas á sensibilización da cidadanía. Pero ademais, un número de 30 autores galegos de sexto de Primaria, ESO e Bacharelato, serán premiados por traballos individuais ou en parellas, con un campamento de Educación Ambiental.

Tamén se premiará a 10 alumnos de facultades de CC. da Educación e de Formación do profesorado, por traballos incorporados á mesma plataforma. No caso dos alumnos universitarios, estes participarán no campamento para premiados con un rol de educadores en prácticas, pola que recibirán dous tipos de certificacións: unha da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (50 horas por prácticas de Educación Ambiental) e a outra da Consellería de Traballo e Benestar (certificación de educador voluntario). Asemade, dende a Subdirección Xeral de Voluntariado, proporase ás universidades galegas o recoñecemento dun crédito de libre configuración por esta participación.

Como en edicións anteriores, contémplase a posibilidade de que estudantes de Portugal e doutras comunidades autónomas, que están a traballar co proxecto, poidan ser premiados pola calidade dos seus traballos, ocupando as prazas dispoñibles a maiores das 40 ofertadas para Galicia. Neste caso, terían que vir acompañados de algún docente responsable, que se implicaría no equipo de educadores do proxecto Climántica.

Esta previsto que o campamento para premiados se desenvolva no albergue da Xunta da praia de Area (Viveiro), dende o sábado 23 ata o sábado 30 de xuño. O 23 de xuño recibirase aos premiados no albergue de 11 a 13 horas da mañá. O día 30 de xuño farase a presentación de traballos, á que poderán asistir as familias e profesorado interesado ás 12 da mañá, procedendo a continuación á clausura do campamento e a despedida dos estudantes e dos familiares que veñan a recollelos. Os familiares que recollan a outros estudantes a maiores dos seus fillos, deberán traer a correspondente autorización das familias. O premio inclúe os gastos de estancia e manutención que aportará a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar, e o desenvolvemento das actividades educativas que aportará o proxecto Climántica.

www.viveiro.es

A data límite para publicar na plataforma os resultados definitivos das valoracións do xurado será o día 21 de xuño 2012. Unha vez publicada esta valoración definitiva, pecharase tamén as votacións dos usuarios e quedará así establecida a relación de premiados e de suplentes. Na valoración terase en conta tanto a votación dos usuarios da páxina web do congreso como a valoración outorgada por un xurado formado por educadores e que emitirán a súa cualificación fixándose nos seguintes criterios:

  1. Que exista unha relación clara co proxecto.
  2. Orixinalidade.
  3. Elaboración rigorosa.
  4. Capacidade de sensibilización.
  5. Grao de madurez, en relación coa idade, na elaboración técnica.
  6. Que se mostren relacións entre coñecementos diferentes e a comprensión dos mesmos.

As votacións dos usuarios da web empezarán a contar dende o momento da publicación e as valoracións quedarán resoltas para cada traballo nun prazo máximo dunha semana despois da súa publicación. A plataforma informará daqueles traballos que reciban máis votos, que presentará como máis populares, e tamén dos máis valorados, a medida que se vaian tendo valoracións de membros do xurado que emitan as súas cualificacións. As cualificacións do xurado suporán un 70% da puntuación e as votacións dos usuarios da plataforma suporán o 30% restante.